Arranca Fórum Gastronómico A Coruña 2017

12/03/2017 - A terceira edición do Fórum Gastronómico da Coruña xa está en marcha. Público profesional e gourmet teñen unha cita ata o martes 14 en ExpoCoruña. A primeira xornada contou cunha gran afluencia de visitantes que encheron o espazo feiral e as actividades, ademais do espazo de restauración, o Cook Trends.

Este domingo celebrouse a inauguración oficial que contou coas intervencións de Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; Manel Perez Piñón, en representación de Hijos de Rivera, patrocinador principal; Pep Palau e Jaume Von Arend, directores de Fórum Gastronómico. Todos eles, acompañados por distintas autoridades realizaron unha visita polo espazo feiral

A Nova Cociña Galega foi a grande protagonista no Auditorio de Fórum Gastronómico A Coruña coas sesións de Alberto Cruz (Landua, Dumbría), Carlos Javier González (Merenzao, Ribeira Sacra), Diego López (La Molinera, Lalín), Nacho Rodríguez (Gastromanía, Palmeira), Alén Tarrio (Pazo de Altamira, Santiago de Compostela) e máis Alberto Lareo (Manso, Santiago de Compostela). Tamén pasaron polo Auditorio os cociñeiros do colectivo Coruña Cociña cunha sesión colectiva. O encargado de pechar as actividades será o tamén herculino Luis Veira (Árbore da Veira).

Os obradoiros enchéronse cos relatorios de Toni Vera (Pastelería Canal) gañador do IX Concurso Mellor Croissant Artesán de Manteiga de España 2016, Diego Gallegos (Sollo) e Nandu Jubany (Can Jubany). No apartado de Fórum Viño, Pepe Ferrer encargouse de facer gozar os presentes con viños de Xerez.

No novo espazo, o Agora, os protagonistas da xornada foron os queixos con Airas Moniz, Carlos Reija e Alejandro Montes; os cócteles de Diego Mosquera e mailo viño con Xoán Cannas (Instituto Galego do Viño), Isa Lozano (Vinissi) e Marcos Do Casal (Casal de Armán).

 

Jorge Gago, premio Cociñeiro Novo 2017

Premio Cociñeiro Novo 2017, patrocinado por La Voz de Galicia, foi para Jorge Gago (A Maceta, Santiago). Os cinco finalistas elaboraron en directo un dos seus pratos. O premio, por votación popular a través de La Voz de Galicia, recoñece o labor dos cociñeiros emerxentes que utilizan produto de proximidade, teñen sensibilidade con producións ecolóxicas; colaboran conxuntamente con produtores locais e fan difusión deste tipo de valores.

Os finalistas foron: Adrián Felípez (Miga, A Coruña), Carlos Pérez (Hokuto, A Coruña), Dani López (Camiño do Inglés, Ferrol) e Álvaro Fuentes (Taberna Meloxeira, O Grove).

 

Premios InnoFórum

Nesta primeira xornada tamén se entregaron os Premios InnoFórum, patrocinados por Gas Natural Fenosa que son ser un recoñecemento á innovación na gastronomía. O premio ao produto máis innovador foi para o queixo O Mouro de Campo Capela; o premio ao packaging máis creativo foi para o ovo líquido pasteurizado de Granxa Campomayor; e, o premio ao sabor máis orixinal foi para a xelea de flor de sabugueiro presentado pola empresa Carabuñas. En total optaron aos premios un total de 34 produtos que permanecerán expostos no recinto de ExpoCoruña ata o martes 14 de marzo.

 

Espazo feiral

Unha vez máis Fórum Gastronómico conta cun gran espazo feiral, que medrou nun 30%, e no que as mellores empresas do sector amosan as súas novidades e ofrecen talleres para dar a coñecer os seus produtos convertendo a feira nunha grande plataforma de negocio.

Os expositores, ademais dos seus postos, contan tamén con espazos de actividades. Esta primeira xornada contou con talleres a cargo de: CRDO Sierra Mágina, Diputación de Cáceres, Consellería do Medio Rural, Unilever Food Solutions ou Estrella Galicia. Ademais, Estrella Galicia, patrocinador principal de Fórum Gastronómico A Coruña, conta tamén cunha aula propia con actividades durante todo o día.               

 

Actividades cidade

Esta noite, coincidindo co peche da primeira xornada do Fórum Gastronómico, nove restaurantes “anfitrións” abrirán as súas portas a outros tantos cociñeiros coruñeses para, man a man, ofreceren creacións conxuntas nunha ruta de tapas a catro mans en horario de noite.

 

A actividade segue

O luns a actividade ha seguir no Fórum Gastronómico A Coruña. Entre as propostas destacan as sesións no Auditorio a cargo do portugués Henrique Sá Pessoa (Alma), o Grupo Nove ou Ángel León (Aponiente). Tamén cómpre salientar a sesión maxistral ofrecerá o sumiller Josep Roca (Celler de Can Roca) ou o monográfico sobre carne que contará cos gastrónomos expertos en carne de vacún, Mikel Zeberio, Carles Tejedor, Miquel Ristol (Lomo Alto) ou Héctor López (España), ademais dos mellores cociñeiros á grella tradicionais de Euskadi e Galicia. Os talleres contarán con sesións con Javier Olleros (Culler de Pau), Jesús Segura e David Chamorro (Trivio) ou Aitor González (El Invernadero de Rodrigo de la Calle). No apartado do viño tamén cabe destacar a sesión de Luís Paadín.

No Ágora, dentro do recinto de ExpoCoruña, os protagonistas serán os oficios do mar, a revolución na chacinaría con Xesc Reina e o papel do sumiller na hostalería con Xoán Cannas (Instituto Galego do Viño), Esther Daporta (Yayo Daporta, Cambados) e José Martínez (Malauva, Vigo).

Este luns tamén se entregarán os Premios Picadillo, en recoñecemento á andaina profesional de cociñeiros, enólogos, responsables de sala, produtores e divulgadores da cultura culinaria galega.

 

Fórum Gastronómico A Coruña conta co apoio do Concello da Coruña, Deputación da Coruña, Coruña Turismo ademais de Estrella Galicia como patrocinador principal. Tamén son patrocinadores Unilever Food Solutions, Cabreiroá e Electrolux, entre outros. 

 

Arranca-Fórum-Gastronómico-A-Coruña-2017

<<< VOLVER