Fórum Gastronómico A Coruña 2017, unha gran plataforma de negocio

01/03/2017 - A Coruña será o epicentro da gastronomía do 12 ao 14 de marzo cunha nova edición de Fórum Gastronómico que terá lugar en ExpoCoruña. Unha edición con máis espazo feiral e cun amplo programa de actividades.

Máis de 200 expositores estarán presentes en Fórum Gastronómico A Coruña 2017 nun espazo feiral que medrou un 30% respecto á última edición. Ademais de Galicia, non faltarán empresas chegadas do resto de España, como Andalucía, Cataluña, Estremadura, País Vasco, Castela e León, Aragón, Murcia, Cantabria, Madrid, Navarra, Canarias, Valencia ou A Rioxa, ademais de empresas internacionais procedentes de China, Países Baixos ou Portugal.

Nos distintos stands poderanse encontrar viños, cavas, licores e bebidas; denominacións de orixe; produtos gourmet; xamóns e aceites: cafés; servizos e equipamento para hostalería, maquinaria e ferramentas; queixos, xeados e lácteos; carnes, pescados e mariscos; froitas e derivados; institucións; conservas e conxelados, entre outros sectores.

Nesta edición, cabe destacar que do total de empresas participantes, un 45% fano por primeira vez no Fórum, demostrando así que Fórum é un evento de referencia e unha gran plataforma de negocio para as empresas do sector. Ao longo de tres xornadas as empresas teñen a oportunidade única para dar a coñecer os seus produtos e servizos ante un público profesional e gourmet.

Ademais, son moitos os expositores que programaron actividades propias nos talleres do Fórum ou nos seus propios stands, como catas de produto o presentacións, as cales poden consultarse en www.forumcoruna.com/feria-actividades, e complementan e supoñen un valor engadido ao programa oficial do Fórum.

Entre as actividades destacan tamén os premios e concursos impulsados polos expositores. É o caso de Estrella Galicia, patrocinador oficial, que celebrará no Fórum o IV Campionato Nacional de Tiraxe de Cervexa. Ademais, contará cunha aula propia de actividades durante os tres días na que realizarán talleres, maridaxes e catas.

 

Misión inversa con 46 empresas e 10 compradores de 6 países

A Cámara de Comercio da Coruña, xunto con Fórum Gastronómico, organiza unha misión inversa con 10 importadores estranxeiros procedentes de Holanda, Bélxica, Reino Unido, Irlanda, Polonia e México no marco do Fórum A Coruña. Esta misión inversa, que terá lugar os días 12 e 13, vai dirixida especificamente a empresas galegas interesadas en abrir novas vías de distribución dentro da canle HORECA de hostalería, restauración e catering. En total participarán nesta acción 46 empresas.

 

Deste xeito, máis dunha decena de importadores da canle HORECA de Holanda, Bélxica, Reino Unido, Irlanda, Polonia e México manterán entrevistas coas empresas galegas participantes, que poderán darlles a coñecer os produtos máis novidosos da gastronomía galega.

 

Espazo InnoFórum

 

Fórum Gastronómico A Coruña recoñecerá tamén a innovación na gastronomía a través dos Premios InnoFórum, patrocinados por Gas Natural Fenosa. Contan con tres categorías: produto máis innovador, packaging máis creativo e sabor máis orixinal. Os produtos participantes deben presentarse ao mercado nos 12 meses anteriores á edición do Fórum Gastronómico e só poden optar a eles empresas expositoras do Fórum. Presentáronse un total de 35 produtos, o que pon de manifesto o éxito da iniciativa, e que estarán expostos nunhas vitrinas en ExpoCoruña durante os días do Fórum, converténdose nun escaparate das novidades presentes no espazo feiral. Un xurado formado por especialistas de distintos ámbitos será o encargado de ditaminar os premios que se entregarán o domingo, 12 de marzo, ás 17:15h no Auditorio de Fórum Gastronómico.

 

Fórum Gastronómico A Coruña conta co apoio do Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Coruña turismo, ademais de Estrella Galicia como patrocinador principal. Tamén son patrocinadores Unilever Food Solutions, Cabreiroá e Electrolux, entre outros.

Fórum-Gastronómico-A-Coruña-2017-una-gran-plataforma-de-negocio

<<< VOLVER