Sesións estelares na segunda xornada

13/03/2017 - Algúns dos protagonistas foron Josep Roca, Ángel León ou o portugués Henrique Sá Pessoa.

O Fórum Gastronómico que se desenvolve en ExpoCoruña viviu unha segunda xornada cun elevado nivel nas súas sesións e obradoiros e cun grande éxito de público, rexistrándose cheos tanto nas actividades coma nos corredores da súa feira profesional e no espazo de restauración, CookTrends.

 

Grandes nomes como Ángel León ou Henrique Sá Pessoa xuntaron a numerosos profesionais e gourmets. Polo Auditorio tamén pasou o Grupo Nove, ademais de Antonio Arrabal (La Jamada) nunha sesión patrocinada por Unilever Food Solutions.

 

No apartado dedicado ao viño, Josep Roca (Celler de Can Roca) sorprendeu aos asistentes cunha proposta estelar na que se cataron nove referencias inéditas. Ademais, Luís Paadín ofreceu un taller con variedades galegas minoritarias de vello como protagonistas.

 

Pola súa banda, Javier Olleros (Culler de Pau) enfocou o seu relatorio nas algas, o seu uso e a súa historia; namentres que Jesús Segura e David Chamorro (Trivio) falaron da cociña vexetal de sequeiro; e Aitor González centrouse na cociña verde de El Invernadero de Rodrigo de la Calle.

 

A tarde deste luns contou co protagonismo indiscutible da carne, cun monográfico onde os chefs Carles Tejedor, Miquel Ristol (Lomo Alto) e Héctor López (España) explicaron de vagar diferentes técnicas de maduración da carne; na segunda parte do monográfico púidose ver en acción a grandes cociñeiros á grella tradicional procedentes de Euskadi e Galicia -Daniel Cochón (Matadoiro de Bandeira), Leonardo Cao (Restaurante Divino),  Paco Moar (Casa Peña e Pé Franco), Juan Antonio Zaldúa (Baserri Maitea - Komentu -Zuria) e Iñaki Gorrotxategi (Casa Julián Tolosa, Casa Castillo Beasain)- que foron dirixidos por Mikel Zeberio, gastrónomo experto en carnes.

 

No Ágora os protagonistas foron por unha parte as conservas, a revolución na chacinaría cunha sesión de Xesc Reina e o papel do sumiller na hostalería con Xoán Cannas (Instituto Galego do Viño), Esther Daporta (Yayo Daporta, Cambados) e José Martínez (Malauva, Vigo).

 

 

Premios Picadillo

Este luns entregáronse os Premios Picadillo, en recoñecemento á traxectoria profesional de cociñeiros, enólogos, responsables de sala, produtores e divulgadores da cultura culinaria galega.

Os premiados foron: en categoría de Cociña, Manicha Bermúdez (La Taberna de Rotilio, Sanxenxo); en Sala, César Gallego (A Coruña); en Viño, Raúl Pérez (enólogo), en categoría de Produtor, César Bonilla (A Coruña) e en Difusión, a escritora Fina Casalderey (Pontevedra).

 

Por outra parte, celebrouse unha vez máis o Campionato de Tiraxe de Cervexa Estrella Galicia no que proclamouse gañador Rubén Vilariño da Bodeguilla de San Lázaro, e proseguiron con éxito as actividades da Aula de Cultura Cervexeira.

 

Misión inversa

Ao longo de onte e hoxe, máis dunha decena de importadores do canal HORECA de Holanda, Bélxica, Reino Unido, Irlanda, Polonia e México tiveron entrevistas con distintas empresas galegas no marco dunha misión inversa organizada pola Cámara de Comercio da Coruña xunto con Fórum. Trátase dunha acción dirixida especificamente a empresas galegas interesadas en abriren novas vías de distribución dentro da canle HORECA de hostalería, restauración e catering.

 

Espazo feiral

Unha xornada máis a feira do Fórum foi un bule-bule constante de contactos comerciais entre profesionais que atopan neste evento un escaparate inmellorable das novidades do sector. Ademais, esta xornada sumou actividades a cargo da Consellería de Medio Rural, Makro, Dairylac, Aceites Abril, Zapata Representante, Consellería do Mar e Bodeus.

 

 

Martes, derradeira xornada

Fórum Gastronómico celebra mañá a súa terceira e derradeira xornada. O Auditorio contará coas sesións do portugués Alexandre Silva (Loco), os asturianos Marcos Morán (Casa Gerardo) e Nacho Manzano (Casa Marcial) e os galegos Fernando Agrasar (As Garzas), Diego Novas e Marcos Blanco (Barrabasada), Iago Pazos e Marcos Cerqueiro (Abastos 2.0) e Iván Domínguez (Alborada). Os talleres van ofrecer sesións doces con Ariel Mendizábal (Doriel, Culleredo), Paco Cichón y Sergio Musso (Eclectic. Lar gastronómico) ou unha sesión con Pepe Solla (Solla). O servizo de sala tamén será protagonista con Juan Mediavilla, Amaranta Rodríguez (Culler de Pau) e Abel Valverde (Santceloni). E o peixe contará cunha tarde monográfica con Hideki Matsuhisa (Koy Shunka), Andrés Medici (Purosushi), Sacha Hormaechea (Botillería Sacha) e Victor Bossecker (Princesa Yaiza). O pan, o queixo e a sidra serán os temas nas sesións do Ágora.

Será tamén o último día para descubrirmos as novidades do sector nunha feira con máis de 200 expositores e gozar coa oferta de restauración, o Cook Trends, situado  na galería de cristal de ExpoCoruña.

 

Sesiones-estelares-en-la-segunda-jornada

<<< VOLVER