Todo listo, o domingo arranca Fórum Gastronómico A Coruña 2017

09/03/2017 - A Coruña será o epicentro da gastronomía do 12 ao 14 de marzo cunha nova edición de Fórum Gastronómico, que terá lugar en ExpoCoruña. Unha edición con máis espazo feiral e cun amplo programa de actividades.

O programa de actividades terá como eixo central a nova cociña galega, que nesta edición adquirirá un gran protagonismo.

A primeira xornada arrancará cunha sesión dobre a Nova Cociña Galega con Alberto Cruz (Landua, Dumbría), Carlos Javier González (Merenzao, Ribeira Sacra), Diego López (La Molinera, Lalín), Nacho Rodríguez (Gastromanía, Palmeira), Alén Tarrio (Pazo de Altamira, Santiago de Compostela) e Alberto Lareo (Manso, Santiago de Compostela). Tamén pasarán polo Auditorio os cociñeiros do colectivo Coruña Cociña cunha sesión colectiva. O encargado de pechar as actividades será o tamén coruñés Luis Veira (Árbore da Veira).

Nos talleres os protagonistas serán Toni Vera (Pastelería Canal), gañador do IX Concurso Mellor Croissant Artesán de Manteiga de España 2016; Diego Gallegos (Sollo) e Nandu Jubany (Can Jubany). No apartado de Fórum Viño, Pepe Ferrer será o encargado de deleitar aos presentes con viños de Xerez.

No novo espazo, o Ágora, dentro de ExpoCoruña, os protagonistas da xornada serán os queixos, coa participación de Airas Moniz, Carlos Reija e Alejandro Montes; os cócteles de Diego Mosquera e o viño con Xoán Cannas (Instituto Galego do Viño), Isa Lozano (Vinissi) e Juan Costas (Estrella Galicia).

Un dos pratos fortes do domingo será a entrega do premio Cociñeiro Novo 2017. Un premio patrocinado por La Voz de Galicia. Os cinco finalistas elaborarán en directo un dos seus pratos. O premio, por votación popular, recoñece o labor dos cociñeiros emerxentes que utilizan produto de proximidade, teñen sensibilidade con producións ecolóxicas; colaboran conxuntamente con produtores locais e fan difusión deste tipo de valores.

Os finalistas son Adrián Felípez (Miga, A Coruña), Carlos Pérez (Hokuto, A Coruña), Jorge Gago (A Maceta, Santiago), Dani López (Camiño do Inglés, Ferrol) e Álvaro Fuentes (Taberna Meloxeira, O Grove).

Tamén cabe destacar a entrega dos Premios InnoFórum, patrocinados por Gas Natural Fenosa, que son un recoñecemento á innovación na gastronomía. Recoñecerase o produto máis innovador, o packaging máis creativo e o sabor máis orixinal. En total optan a estes premios 35 produtos que estará expostos nunhas vitrinas en ExpoCoruña durante os días de Fórum.

Na primeira xornada non faltará o xa tradicional Concurso de Polbeiras/os que premia a habilidade dos profesionais na elaboración e servizo do Polbo á Feira.

O mesmo domingo, Fórum Gastronómico A Coruña 2017 tamén contará coa visita da compostelá Paloma Martínez-Olivares, finalista de MasterChef Junior 4.

No hall do recinto poderase apreciar a obra da artista Júlia Ares, elaborada especialmente para o evento.

Espazo feiral

O espazo feiral será un gran escaparate e unha gran plataforma de negocio para as empresas do sector. Contará con máis de 200 expositores e creceu un 30% respecto á última edición. Ademais de Galicia, non faltarán empresas chegadas do resto de España, aparte de china, Países Baixos ou Portugal. Nesta edición, cabe destacar que do total de empresas participantes un 45% fanno por primeira vez.

 

Cook Trends, zona de restauración

Fórum Gastronómico A Coruña contará cunha ampla zona de restauración con food trucks  seleccionados que responden a criterios rigorosos e singulares; compromiso cos produtos galegos, os produtores locais, a agricultura ecolóxica, a artesanía e as prácticas responsables. Os participantes serán: BICO DE XEADO, GALEGUESA, HERMES JOURNEY, JOSMAGA, LA CONSENTIDA, LACONLOVER, MERCADO DA COLLEITA, O VIAXEIRO, A PULPONETA, SHOWCOOKING.

Actividades na cidade

Nesta ocasión é o colectivo Coruña Cociña, en colaboración co Fórum Gastronómico, quen organiza as actividades que se levan a cabo na cidade. O sábado, 11 de marzo, día previo ao inicio do Fórum, celebrarase o gastrofestival “A Coruña Sabe” en Palexco. Con horario continuado de 12 a 24h. este festival está concibido como un espazo aberto a toda a cidadanía cunha ampla oferta de actividades vinculadas á gastronomía.

Máis información A Coruña Sabe:

http://www.forumcoruna.com/images/programa_acorunasabe_web.pdf

 

Inauguración oficial

O domingo ás 12 do mediodía terá lugar a inauguración oficial do Fórum Gastronómico A Coruña, que contará coa presenza de distintas autoridades, as cales realizarán un percorrido polo recinto.

Fórum Gastronómico conta con apoio do Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Coruña Turismo, ademais de Estrella Galicia como patrocinador principal. Tamén son patrocinadores Unilever Food Solutions, Cabreiroá e Electrolux, entre outros. 

Todo-listo-el-domingo-arranca-Fórum-Gastronómico-A-Coruña-2017

<<< VOLVER