News!

A CORUÑA 19 // A Coruña volverá converterse no epicentro da gastronomía coa celebración do Fórum Gastronómico

02/11/2018
A-CORUÑA-19--A-Coruña-volverá-a-convertirse-en-epicentro-de-la-gastronomía-con-la-celebración-del-Fórum-Gastronómico

Este martes presentouse o Fórum Gastronómico A Coruña 2019 na cervexería Estrella Galicia de Catro Camiños, na Coruña. Contou coa participación e intervencións dos dous directores do evento, Jaume von Arend e Pep Palau; de Manel Pérez Piñón, Director Trade Marketing Hijos de Rivera; Alberto Lema, Cuarto Tenente de Alcalde A Coruña; e os cociñeiros Pepe Solla e Pablo Pizarro, presidente de Coruña Cociña.

Manel Pérez Piñón, Director Trade Marketing Hijos de Rivera, salientou que “dende Hijos de Rivera formamos parte do Fórum Gastronómico A Coruña 2019 e farémolo de xeito activo, tratando de contribuír a través das nosas marcas Estrella Galicia e Cabreiroá para que sexa todo un éxito. Na nosa compañía sentimos unha vinculación moi forte coa gastronomía, en especial coa gastronomía galega, e apostamos firmemente por iniciativas coma esta que poñen en valor o gran talento que hai dentro das nosas cociñas. Un ano máis non podemos faltar a esta cita que situará A Coruña, a nosa cidade, durante uns días no máis alto da gastronomía nacional”.

ExpoCoruña acollerá por cuarta vez o Fórum Gastronómico que xa ten listo o seu programa de actividades e o espazo feiral case cheo. Coma sempre, no Fórum terán lugar sesións maxistrais de cociña en directo no Auditorio protagonizadas por cociñeiros de sona e tamén obradoiros, que inclúen cata e precisan de inscrición. Non han faltar varios premios e concursos, entre moitas outras actividades ademais dun grande espazo feiral con recoñecidas empresas dos sectores da distribución, a produción de alimentos e bebidas, o  foodservice ou o equipamento e a maquinaria. Será, unha vez máis, unha cita obrigada para os profesionais da gastronomía e tamén para o público  gourmet.

Un grande espazo feiral que medra un 20%
Na feira participarán as mellores empresas do sector foodservice, desde empresas de equipamentos, servizos e distribución, a pequenos produtores do sector primario e máis da artesanía alimentaria. Jaume von Arend destacou que, "nestes momentos xa hai un 82% de espazo feiral vendido". Respecto á pasada edición do 2017, “nesta ocasión o espazo feiral medra un 20%, o que denota un interese en aumento por parte das empresas no Fórum, que ven o evento como un magnífico escaparate para promocionar os seus produtos e servizos”. A procedencia dos expositores é principalmente galega, e representa máis dun 70%. Tamén haberá empresas de Andalucía, Asturias, Catalunya, Valencia, Madrid, Estremadura ou o País Vasco e de distintos países europeos coma Italia, Bélxica ou Portugal.

Auditorio e obradoiros
Pola súa banda, Pep Palau debullou o programa de actividades salientando que o Atlántico será o eixo temático. Polo Auditorio pasarán grandes nomes da cociña. O domingo será a quenda da gastronomía galega co premio Cociñeiro 2019 Fórum Gastronómico, o colectivo Coruña Cociña e Luis Veria e Iria Espinosa (Árbore da Veira). O luns haberá unha importante presenza feminina coa colombiana Leonor Espinosa (Leo), as galegas Beatriz Sotelo e Lucía Freitas (A Tafona), a portuguesa Marlene Vieira (Panoramico/Time Out Market) e a donostiarra Aizpea Oihaneder (Xarma Cook). Ademais dunha sesión de peche con Javier Olleros (Culler de Pau). O martes o servizo de sala tomará a palabra con Juan Moll (grupo Robuchon) ou Pepe Solla (Casa Solla), entre outros, ademais da cociña mexicana de Paco Méndez (Hoja Santa) e dun relatorio coral dos mellores cociñeiros de Canarias.

Os obradoiros, sesión de cociña ao vivo que inclúen degustación e precisan de inscrición previa, estarán protagonizados, entre outros, por Alberto Lareo (Manso), Daniel López (O Camiño do Inglés), Iván Domínguez (Nado), Nandu Jubany (Can Jubany), Juanjo López (La Tasquita de Enfrente), Daniel Guzmán e Julio Sotomayor (Nova), Santiago Pérez (Finca Los Cuervos), Álvaro Garrido (Mina), Juanlu Fernández (LÚ, cocina y alma), Pablo Airaudo (Amelia)  ademais do portugués Vasco Coelho (Euskalduna Studio), o belga Kobe Desramaults (Chambre Séparée) e mailo holandés Syrko Bakker (Pure C).

Canarias, Territorio Convidado
Esta edición contará cunha notable representación da cociña canaria pois Canarias será o territorio convidado. Haberá sesión no auditorio con Cristo Hernández (Gyotaku) de Tenerife; Arabisén Quintero (Casa Juan) de el Hierro;  Juan Carlos Curpa (El Jardín de la Sal) de La Palma; e German Blanco (La Cascada del Puerto) de Lanzarote. Ademais dun obradoiro con Borja Marrero (Texeda) de Gran Canaria.

Diálogos
Unha das novidades desta edición serán os Diálogos, un espazo onde confrontar ideas e propostas acerca de profesións do sector. O luns será a quenda dun diálogo sobre o papel da muller na gastronomía moderado pola xornalista Rosa Rivas con Leonor Espinosa (Leo), Lucía Freitas (A Tafona), Laura Lorenzo (Daterra viticultores) e Lucía Cidón (Finca Montesqueiro); e outro o martes centrado no servizo de sala con Juan Moll, responsable de sala do grupo Robuchon, e Pepe Solla (Casa Solla), entre outros.

Craft Beer Forum
O  Craft  Beer  Forum será un espazo dentro do Fórum no que empresas  elaboradoras de cervexa artesá disporán de casetas para daren a coñecer o seu produto. O espazo contará tamén cunha Aula de Cultura Cervexeira na que recoñecidos mestres cervexeiros explicarán os segredos desta bebida e unha zona de degustación na que se poderán probar todas as cervexas.

Wine Circus Fórum Viño
Por outra banda, o viño ha contar cun espazo propio no Fórum Gastronómico A Coruña 2019. A nova marca chamarase Wine  Circus-Fórum Viño e no mesmo espazo estarán incluídos o Mercado do Viño e a aula  Wine  Circus-Fórum Viño. No Mercado do Viño estarán presentes as adegas emerxentes de carácter atlántico e contará cos viticultores de cada unha delas; do mesmo xeito, recollerá as novas tendencias do sector. Pola súa parte, a aula será o espazo de actividades que contará cun programa que vai salientar o bo momento do sector do viño en Galicia así como o dinamismo e calidade dos seus expertos e catadores. Tamén haberá diálogos en torno ao viño e catas a cegas. Fórum Doce Un ano máis o Fórum Doce, este ano patrocinado por Cacao Barry, contará cos mellores pasteleiros, chocolateiros, xeadeiros e cociñeiros de sobremesas. Interesantes sesións protagonizadas polos mellores profesionais permitirán aos asistentes achegarse ao mundo doce de preto.

Ágora. Compromiso social co territorio
Na liña de continuidade cos valores que o caracterizan, o Fórum seguirá a desenvolver accións encamiñadas a propagar modelos de cociña sustentable vinculados a produtores locais. O Ágora será o espazo onde os artesáns galegos da alimentación que practican oficios transmitirán o seu saber (panadeiros, novos  queixeiros, etc.) e no que temas coma o mar desde a perspectiva do Slow  Food ou a alimentación nos comedores escolares terán un grande papel. Ademais, tamén será o lugar no que os expositores darán a coñecer os seus produtos.

Premios e concursos
O Fórum acollerá varios premios e concursos. O premio Cociñeiro 2019 Fórum Gastronómico recoñecerá o labor dos cociñeiros emerxentes que utilizan produtos de proximidade, teñen sensibilidade coas producións ecolóxicas, colaboran cos produtores locais e fan difusión destes valores. Cinco finalistas optarán a este premio. O Fórum tamén vai entregar os Premios Picadillo en recoñecemento á andaina profesional de cociñeiros, enólogos, responsables de sala, produtores e divulgadores da cultura culinaria e os Premios InnoFórum que recoñecen a innovación na gastronomía destacando o produto máis innovador, a embalaxe máis creativa e o gusto máis orixinal. E non faltará o tradicional Concursos de Polbeiras/os, que chega xa á sétima edición, e que premia á habilidade dos profesionais na elaboración e servizo do Polbo á Feira. Dotado con tres premios, está aberto a todos aqueles profesionais galegos que queiran amosar a súa mestría na arte de cociñar un bo polbo.

 

Fórum Gastronómico A Coruña 2019 conta co apoio de Estrella Galicia coma patrocinador principal ademais de Cabreiroá ou Cacao Barry, máis o soporte técnico de Makro, Abril, Josmaga, Instituto Galego do Viño, Tawi, Bragard ou Audi Arrojo, entre outros.

Nado no 1999, o Fórum Gastronómico celebra este 2019 os seus 20 anos de vida. Actualmente conta con tres sedes, Girona, Barcelona e A Coruña.


Volver
© Fòrum Gastronòmic S.L. | T 93 883 30 45 | info@forumgastronomic.com 
Ctra. de Sant Hipolit a Manlleu s/n 08560 Manlleu (Barcelona - España)
 Nota legal | Nota técnica | Política de Cookies | Política de Devoluciones | Política de Venta