CORUÑA 19 // Cinco candidatos optan ao premio Cociñeiro 2019 Fórum Gastronómico

A primeira xornada do Fórum Gastronómico A Coruña 2019 será o día no que se dará a coñecer o nome do Cociñeiro 2019 Fórum Gastronómico, un galardón que desde 2014 enaltece e recoñece o labor dos cociñeiros emerxentes que ofrecen propostas culinarias de calidade, utilizan produtos de proximidade, fan unha cociña sustentable e difunden estes valores.
A mañá do domingo 10 de marzo terá lugar no Auditorio a sesión na que os 5 candidatos amosarán en directo as súas cualidades.
Os cinco finalistas son: Alén Tarrío (Pampín, Santiago); Carlos González (Merenzao, Sober, Lugo); Gerson Iglesias (Adega das Caldas, Ourense); Adrián Fuentes (Abisal, Vigo) e máis Víctor Fernández (Morro Fino, Vigo).
Os candidatos, preseleccionados por un xurado especial, destacan por ofreceren nos seus establecementos unhas propostas culinarias apegadas á terra e á súa contorna, pero tamén por achegar toques de innovación e un selo ben persoal. Todos eles cociñarán en directo o día 10 un prato que os identifica e que resume a súa cociña e a súa filosofía.
Nas anteriores edicións os premiados foron Diego López (La Molinera, Lalín) no 2014; Gorka Rodríguez (A Pulpeira de Melide, A Coruña) no 2015 e Jorge Gago (A Maceta, Santiago) no 2017.
Ademais do Cociñeiro 2019 Fórum Gastronómico, o Fórum acollerá outros premios e concursos como os Premios Picadillo en recoñecemento á traxectoria profesional de cociñeiros, enólogos, responsables de sala, produtores e divulgadores da cultura culinaria e os Premios InnoFórum que premian a innovación na gastronomía salientando o produto máis innovador, a embalaxe máis creativa e o gusto máis orixinal. E non ha faltar os tradicional Concursos de Polbeiras/os, que chega xa á sétima edición, e que premia a habilidade dos profesionais na elaboración e servizo do Polbo á Feira. Dotado con tres premios, está aberto a todos aqueles profesionais galegos que desexen amosar a súa destreza na arte de cociñar un bo polbo.
Fórum Gastronómico A Coruña 2019 conta co apoio de Estrella Galicia como patrocinador principal ademais de Cabreiroá, Pujadas ou Cacao Barry, e mailo soporte técnico de Makro, Abril, Josmaga, Instituto Galego do Viño, Tawi, Bragard ou Audi Arrojo, entre outros.
Nado no 1999, o Fórum Gastronómico celebra este 2019 os seus 20 anos de vida. Actualmente conta con tres sedes, Girona, Barcelona e A Coruña.
Volver
ExpoCoruña