News!

A CORUÑA 19 // Abertas as inscricións para as actividades do Fórum Gastronómico A Coruña

31/01/2019
A-CORUÑA-19--Abiertas-las-inscripciones-para-las-actividades-del-Fórum-Gastronómico-A-Coruña

Coma sempre, no Fórum Gastronómico terán lugar sesións maxistrais de cociña en directo no Auditorio protagonizadas por recoñecidos cociñeiros e tamén nos obradoiros, que inclúen cata e precisan de inscrición. Todas elas estarán arredor das cociñas do Atlántico.

Algúns dos protagonistas dos obradoiros serán Alberto Lareo (Manso), Daniel López (O Camiño do Inglés), Iván Domínguez (Nado), Nandu Jubany (Can Jubany) con Juanjo López (La Tasquita de Enfrente), Daniel Guzmán e Julio Sotomayor (Nova) con Santiago Pérez (Finca Los Cuervos), Álvaro Garrido (Mina), Juanlu Fernández (LÚ, cocina y alma), Paulo Airaudo (Amelia) ou Borja Marrero (Texeda) ademais do portugués Vasco Coelho (Euskalduna Studio), o belga Kobe Desramaults (Chambre Séparée) e o holandés Syrko Bakker (Pure C).

Polo Auditorio, de libre acceso coa entrada ao recinto, pasarán grandes nomes da cociña como Leonor Espinosa (Leo), Javier Olleros (Culler de Pau), Paco Méndez (Hoja Santa), Pepe Solla (Casa Solla) ou Luís Veira e Iria Espinosa (Árbore da Veira), entre outros. O luns destaca unha sesión con claro acento femenino coas galegas Beatriz Sotelo e Lucía Freitas (A Tafona), a portuguesa Marlene Vieira (Panoramico/Time Out Market) e maila donostiarra Aizpea Oihaneder (Xarma Cook). E xa o martes a atención será para Canarias como territorio convidado con sesións con Cristo Hernández (Gyotaku) de Tenerife; Arabisén Quintero (Casa Juan) de el Hierro; Juan Carlos Curpa (El Jardín de la Sal) de La Palma; e Germán Blanco (La Cascada del Puerto) de Lanzarote. Do mesmo xeito, o servizo de sala terá unha sesión exclusiva protagonizada polo responsable do grupo Robuchon, Juan Moll.

Unha das novidades desta edición serán os Diálogos, un espazo onde reflexionar e confrontar ideas. O luns será a quenda dun diálogo sobre o papel da muller na gastronomía moderado pola xornalista Rosa Rivas con Leonor Espinosa (Leo), Lucía Freitas (A Tafona), Laura Lorenzo (Daterra viticultores) e Lucía Cidón (Finca Montesqueiro); e outra o martes centrado no servizo de sala con Juan Moll, responsable de sala do grupo Robuchon, Marián Martínez (Cenador de Amós) e Pepe Solla (Casa Solla), entre outros, moderado por Xoan Cannas.

O programa de actividades completarase co Craft Beer Forum, un espazo dedicado a empresas elaboradoras de cervexa artesá que contará cunha Aula de Cultura Cervexeira e máis o Wine Circus-Fórum Viño cun Mercado do Viño e unha aula de actividades.

E non ha faltar o Ágora, o espazo onde os artesáns galegos da alimentación que practican oficios transmitirán o seu saber (panadeiros, novos queseros, etc.). Ademais, será tamén o lugar no que os expositores darán a coñecer os seus produtos.

Un ano máis o Fórum Doce, desta vez patrocinado por Cacao Barry, vai contar cos mellores pasteleiros, chocolateiros, xeadeiros e cociñeiros de sobremesas que protagonizarán sesións que permitirán aos asistentes coñecer de preto o mundo doce.

Cómpre salientar tamén o grande espazo feiral no que estarán presentes recoñecidas empresas dos sectores da distribución, a produción de alimentos e bebidas, o foodservice ou o equipamento e a maquinaria.

Fórum Gastronómico A Coruña 2019 será, unha vez máis, unha cita obrigada para os profesionais da gastronomía e tamén para o público gourmet e conta co apoio de Estrella Galicia como patrocinador principal ademais de Cabreiroá, Cacao Barry ou Pujadas, e o soporte técnico de Makro, Abril, Josmaga, Instituto Galego do Viño, Tawi, Bragard ou Audi Arrojo, entre outros.

Nado no 1999, o Fórum Gastronómico celebra neste 2019 os seus 20 anos de andaina. Actualmente conta con tres sedes, Girona, Barcelona e A Coruña.


Volver
© Fòrum Gastronòmic S.L. | T 93 883 30 45 | info@forumgastronomic.com 
Ctra. de Sant Hipolit a Manlleu s/n 08560 Manlleu (Barcelona - España)
 Nota legal | Nota técnica | Política de Cookies | Política de Devoluciones | Política de Venta